martes, 20 de febreiro de 2018

Poemas de Rosalía

Le este poema, analízao, recítao e compárteo!














Miña casiña, meu lar

Miña casiña, meu lar, 

¡cántas onciñas 

de ouro me vals! 

Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna,
sin comer nin almorzar.


Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,
i anque ganas tiña delas,
non tiña para as pagar.

 

Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.

 

Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar,
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.

 

A vista se me barría,
que era aquél moito aunar.


Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.


As bagullas me caían,
que me fora a avergonzar.
Volvínme á miña casiña
alumada do luar;


rexistréi cada burato
para ver de algo atopar;
atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.


Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios alabar.
Quixen acendé-lo lume;
non tiña pau que queimar;


funllo a pedir a unha vella;
tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.


Volvín triste como a noite
a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar;
rexistréi polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios Dar.


¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con auga para quentar.


Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbar
un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!


Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.


Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.


Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.


Nantramentras me secaba,
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:


 Meu lar, 

meu fogar, 

¡cántas onciñas 

de ouro me vals!


Tamén podedes elixir un destes poemas  que tan ben recitachedes cando erades máis pequerrechos!!! ou calquera outro que che guste.



Ningún comentario:

Publicar un comentario